Tuesday 21 de May de 2024

O Concello de Brión organiza un curso de manexo de drons de 30 horas lectivas


O Concello de Brión, a través da área de formación do seu Espazo Tecnolóxico, oferta a toda a cidadanía unha novidosa acción formativa dirixida á adquisición de competencias no manexo de drons. Un curso de 30 horas lectivas que terá lugar o vindeiro mes de outubro, pero para o que xa se abre o prazo de preinscrición. Unha preinscrición que se pode facer na Casa da Cultura de Brión, na Aula CeMit brionesa ou chamando ao 981 509 908.

O curso celebrarase na Aula CeMit de Brión e o temario incluirá lexislación, posibilidades de negocio, manexo operativo dos dispositivos, prácticas de montaxe e compoñentes. Por suposto, estará acompañado de prácticas de voo con estes aparellos. O curso será impartido por técnicos da empresa Meudron SL, especialistas en servizos e solucións baseados na tecnoloxía de drons.